Curriculum Banda Municipal De Agolada

A Banda de Música Municipal de Agolada é unha agrupación formada por músicos cunha media de idade en torno ós 20 anos, sendo a continuadora da tradición musical no concello de Agolada que ó longo do século XX portaron as bandas de música de Artoño, Baíña, Ventosa e Brántega.
Nace no ano 1993 despois da desaparición da última banda do concello, a Banda de Música Cultural de Brántega. Foi impulsada pola Asociación de Amigos da Banda de Música Municipal de Agolada que se constituiu presidida por D. Andrés Otero Vázquez. O seu primeiro director foi D. José Manuel Collazo Verde, que fixo a banda unha realidade e creou o que sería despois a Escola de Música Municipal de Agolada.
No ano 1994 faise cargo da dirección do proxecto D. José Luis Quintás Carreira, quen realiza unha labor de promoción da Escola de Música importante. A partir deste impulso prodúcese unha renovación da plantilla case na súa totalidade.
Malia a ser unha das bandas máis novas da comunidade galega posúe xa un historial interesante. Participou en festivais de música en Tomar e Vilanova de Cerveira (Portugal), Alcobendas (Madrid) así como en numerosos certámenes da xeografía galega. No ano 1999 viaxou ata Valencia para ver de preto o desenvolvemento do concurso internacional de bandas de música “Ciudad de Valencia” e no 2003 ó Man a Man que celebran as bandas Artística e Armónica de Buñol (Valencia).

Dos premios acadados na súa traxectoria, cómpre salientar :
- 1º Premio no I Certame de Bandas de Música da Excelentísima Deputación de Pontevedra (2001) na Sección Terceira.
- 1º Premio no II Certame de Bandas de Música da Excelentísima Deputación de Pontevedra (2002) na Sección Terceira.
- 2º Premio no IV Certame de Bandas de Música da Excelentísima Deputación de Pontevedra (2004) na Sección Segunda.

Na actualidade, esta agrupación ten a súa sede na Casa da Cultura da vila e está integrada por 50 músicos, case todos veciños do concello. Está respaldada pola asociación cultural “Amigos da Banda de Música Municipal de Agolada” constituída por uns 150 socios, así como por unha directiva da que forman parte membros da banda e pais/nais de nenos e nenas da escola. D. Nilo Jesús García Armas dirixe dende o ano 2005 a Escola de Música, que conta cuns 70 alumnos que garanten a continuidade da banda.
En Xaneiro de 2007 D. José Luis Quintás Carreira deixa a batuta para centrarse na súa labor como profesor no Conservatorio de Música Profesional de Santiago de Compostela. Faise cargo da dirección da banda quen ata o momento ocupaba o atril de clarinete principal, D. Nilo Jesús García Armas, dando paso así a unha nova etapa para a agrupación.

Powered by Drupal - Design by jcarlos